MARÍA MEIJÓN BRUQUETAS é a gañadora do Concurso "Arte-sá" celebrado no Concello de Soutomaior

Artigos de Igualdade

MARÍA MEIJÓN BRUQUETAS é a gañadora do Concurso "Arte-sá" celebrado no Concello de Soutomaior

 

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, 8 de Marzo de 2011, o Concello de Soutomaior, mediante o Centro de Información á Muller (CIM), dependente da Concellaría de Muller, Servizos Sociais e Sanidade, convocou o I CONCURSO DE DESEÑO ARTESANAL "Arte-sá", co obxectivo xeneral de promover, fomentar e divulgar o traballo artesanal e artístico das mulleres.

 

ELAS foron as encargadas de deseñar e elaborar artesanalmente a insignia ou regalo conmemorativo que protagonizará a campaña municipal o día 8 de marzo. Nesta primeira edición do concurso presentáronse un total de 15 obras elaboradas con materiais e funcións moi diversas.

 

Despois de reunirse o xurado que conformaba o tribunal do "I Concurso de deseño artesanal Arte-sá", actividade incluída no II Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Soutomaior, decidiuse por unanimidade que a gañadora fose MARÍA MEIJÓN BRUQUETAS pola súa obra "FRIDA". O tribunal estivo constituído por Rosa Morgado Pazos, representante da "Asociación de Mulleres Rurais Anduriña"; o artesán Carlos Rodríguez González; Bernardo Seoane e Moncho Novas, representantes da "Agrupación Artistas da Bisbarra"; técnicas do CIM e pola Concelleira de Muller, Servizos Sociais e Sanidade, Cristina González Piedras.

 

Os criterios de valoración centráronse na calidade do traballo artesanal, o deseño e orixinalidade da obra presentada, o contido e mensaxe transmitida pola obra en relación á temática, e finalmente, a adaptación funcional á finalidade do concurso.

 

A obra FRIDA, é unha peza realizada totalmente a man de diversos materiais. Inspirada na figura de Frida Khalo, unha Muller forte e adiantada á súa época, implicada na vida política e cultural do momento, e que logrou transformar as grandes dores físicas que sufría nunha pintura chea de cor e de vida.

 

MARÍA MEIJÓN BRUQUETAS recibirá, o día 8 de marzo "Día Internacional da Muller", un cheque por valor de 600 euros de mans da Concelleiro de Muller, Servizos Sociais e Sanidade, Cristina González Piedras. Así mesmo, farase entrega dun premio conmemorativo a todas as participantes nesta primeira edición no Multiusos de Arcade ás 19:00h. Ademais, as mulleres de Soutomaior que se acheguen ao longo do día recibirán unha FRIDA conmemorativa dese día.

 

Durante anos a artesanía converteuse nun sinal de identidade da nosa rexión pola calidade dos produtos que saen das súas mans. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo, sinalou que “desexamos posicionalo nunha situación de modernidade produtiva e empresarial”. “Este concurso pretende motivar as nosas artesás, ofrecéndolles a oportunidade de darse a coñecer” porque según Agustín Reguera, “o premio de 600 euros tomámolo como un investimento, no sentido de que xera e estimula a actividade artesal e económica no municipio de Soutomaior”.

 



 

Axenda Municipal


  • Prazo de inscrición: ata cubrir prazas

Ludoteca Miúdos. Máis info en OMIX: 986 700 822 omix@soutomaior.com

OBRADOIRO DE BAILES LATINOS

+ INFO


  • Prazo de inscrición: durante todo o ano

Multiusos de Arcade, OMIX Telf.: 986 700 822 ou enviando un e-mail a omix@soutomaior.com

PROGRAMA DE VOLUNTARIADO

+ INFO