PDF Imprimir Correo-e
Artigos de Igualdade

Os Concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior asinan un convenio de colaboración en materia de IGUALDADE

 

A mañá do venres tivo lugar no Concello de Ponte Caldelas a firma dun convenio entre os Alcaldes de Soutomaior Agustín Reguera e de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez, en virtude do cal ambos os dous concellos se comprometen a colaborar en materia de igualdade.

 

O citado convenio ten por obxecto a cooperación entre os Centros de Información á Muller (CIM) que ten cada Concello, co obxectivo de ampliar e colaborar na prestación do asesoramento xurídico e atención psicolóxica do devandito servizo nas usuarias de ambos os dous concellos.

   

O obxecto final é que naqueles horarios nos que non existe atención xurídica ou psicolóxica nun dos concellos, as usuarias poidan obtelo no concello veciño, conseguindo así complementarse e garantir unha asistencia máis integral.

 

Ambos os dous CIMs cumpren coa normativa establecida no decreto 182/2004, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento. A asistencia xurídica e psicolóxica realízase nuns horarios determinados. Dáse a circunstancia que a asistencia xurídica a presta a mesma profesional polo que é vontade de ambos os dous alcaldes establecen a máxima cooperación e coordinación dos seus servizos de atención xurídica, ofrecendo unha atención permanente ás usuarias de ambos os dous Concellos, atendendo de forma telefónica ás mulleres que así o soliciten de calquera deles, e podendo acordar a atención presencial puntual nalgún destes territorios se fose necesario, debido a circunstancias especiais da situación da muller en cuestión que lle impidan o desprazamento a calquera dos dous Concellos.

 

As obrigas e compromisos de ambos os dous Concellos son:

1. Facilitar a información e derivación das mulleres do seu Concello fóra do seu horario de atención establecido, ao CIM do outro Concellos se así as usuarias o requiren.

2. Colaborar co outro Concello na aplicación das políticas de igualdade e dos protocolos de violencia de xénero para o correcto funcionamento dos CIMs.

3. Garantir a prestación do servizo mediante o funcionamento no horario legalmente establecido no CIM.

4. Destinar para o CIM o persoal especializado cos recursos e medios técnicos necesarios segundo o establecido no Decreto polo que se regule o seu funcionamento.

 

Ambos os dous alcaldes, consideran que a cooperación entre concellos é fundamental nestes tempos e serao máis se se queren manter servizos importantes como o CIM. Por iso consideran que este convenio é un primeiro paso, e non descartan que no futuro poida xa organizarse un único CIM compartido, toda vez que cando finalicen as axudas europeas que financian en parte estes servizos, a única forma de mantelos é mediante a cooperación entre Concellos.