fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 18 Novembro 2020 09:23

O Concello de Soutomaior subvencionará os recibos da auga e lixo para apoiar á hostalería

O Concello de Soutomaior subvencionará os recibos da auga e lixo para apoiar á hostalería

O salón de plenos do Concello de Soutomaior foi escenario dunha reunión dos representantes da hostalería do municipio co alcalde, Agustín Reguera, para estudar diversas medidas de apoio ao sector.

Froito deste encontro, o Alcalde anunciou a creación dunha subvención para os recibos de auga e lixo ademais do mantemento da exención para a taxa municipal pola instalación de terrazas. A bonificación dos recibos de auga e lixo incluirase cunha partida específica dentro dos orzamentos municipais do próximo ano, xa que o padrón fiscal deste ano xa está liquidado.

Do mesmo xeito prolongarase a exención da taxa municipal pola colocación das terrazas en espazo público como vén facendo desde o 2013. Ao que se suma que, con motivo da pandemia todos os locais que tiñan a posibilidade puideron amplialas para respectar as medidas de distanciamento e conter, no posible, o descenso na súa facturación.

A hostalería é un sector fundamental para a economía do Concello . É unha fonte de ingresos para moitas familias e a súa calidade supón un dos maiores atractivos do municipio.

Control dos furanchos

Ademais das subvencións acordadas nos recibos de auga, lixo e terrazas, os representantes da hostalería solicitaron ao alcalde diversas accións para regular a actividade dos furanchos. Medidas como o control de horarios, datas de inicio e fin de tempada, tipos e prezos do viño que venden, así como un recoñecemento explícito da cantidade que cada furancho pode ofrecer segundo as hectáreas de viñedo declaradas.


Publicado en Alcaldía
Visto 1377 veces