fbpx
Imprimir esta páxina
Sábado, 08 Xullo 2023 09:19

Manu Lourenzo anuncia ás comunidades de montes que o goberno aumentará o número de hidrantes e bocas de rego de Soutomaior Destacado

Manu Lourenzo anuncia ás comunidades de montes que o goberno aumentará o número de hidrantes e bocas de rego de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, participou onte nunha reunión conxunta cos representantes das comunidades de montes do concello, na que tamén estivo presente a concelleira de Medio Rural e Comunidades, Charo Bouzón. O obxectivo desta reunión era por en coñecemento dos comuneiros as primeiras medidas que o goberno adoptou e adoptará nos vindeiros días en materia de xestión do monte e loita contra os incendios, así como dar os primeiros pasos para a constitución do Consello de Montes.

Manu Lourenzo anunciou que o goberno traballa para instalar dous novos hidrantes en Soutomaior, que se sumen aos que xa hai no Peirao de Arcade e en Salgueirón. Ademais, instalaranse numerosas bocas de rego nos núcleos rurais, que se sumarán ás que xa hai na zona urbana da concello. O alcalde tamén trasladou ás comunidades de montes que o goberno lles facilitará un mapa actualizado con todos os hidrantes e bocas de rego que se instalen para que poidan coñecer a localización exacta de cada un deles en caso de que se produza un incendio.

Por outra parte, Manu Lourenzo tamén anunciou que o goberno de Soutomaior incorporará o vindeiro 15 de xullo un técnico forestal e que traballa para contratar un enxeñeiro forestal a partir de xaneiro de 2024, que se sumará de maneira definitiva ao cadro de persoal municipal. Tanto o técnico como o enxeñeiro forestal encargaranse de traballar man con man coas comunidades de montes, asesorándoas en todo o que precisen. Aliás, o enxeñeiro forestal tamén formará parte do Consello de Montes.

Na xuntanza, o alcalde de Soutomaior lembrou que o goberno sacou a pasada semana un bando de limpeza de fincas e puxo a total disposición dos comuneiros todos os recursos do Concello en materia de limpeza de terreos e loita contra incendios: vehículos, unha motobomba, trituradoras... Ademais, Lourenzo avanzou que o goberno traballa na compra de batelumes. Todo este material será empregado para que o Concello e as comunidades poidan facer fronte ao lume en caso de que durante o verán se produzan incendios.

Sobre a constitución do Consello de Montes, Manu Lourenzo explicou que o obxectivo é “poñer en valor o monte de todos a través dun traballo conxunto, responsable e optimizado. A colaboración coas comunidades de montes de Soutomaior é fundamental para afrontar a xestión do monte e prevención e loita contra os incendios”. “Este é o primeiro paso para que as comunidades de montes de Soutomaior traballen da man para dar uso ao monte e sacarlle responsabilidade. No Consello de Montes eles serán os que decidan, e desde o goberno de Soutomaior poñémonos a disposición de todo o que precisen”, concluíu o alcalde.


Publicado en Alcaldía
Visto 556 veces