Xoves día 16 – Peirao de Arcade - 22,30 h.
A nova película do ourensán Ignacio Vilar, “María Solinha” exhibirase hoxe xoves no Peirao de Arcade a partir das 22,30 h. O filme de María Solinha reconstrúe a historia da viúva canguesa María Soliña, quen foi acusada de bruxería e logo queimada pola Inquisición no 1621. Entre o elenco destacan referentes do cinema galego como Santi Prego, Antonio Durán ou Mabel Rivera, ademais das actrices protagonistas Graal Montes e Laura Míguez, que foron alumnas do Centro de Artes Escénicas de Vigo.
A historia arrinca cando un afamado director de teatro chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha. A historia dunha viúva rica acusada de bruxería pola Inquisición a principios do século XVII. Os seus intérpretes serán os propios veciños da comarca, que se embarcan nesta aventura con paixón. De feito, hai decenas de extras, entre a trintena de actores e actrices.
Ao finalizar as exhibicións, realizarase un coloquio, no que intervirá o propio director.
A entrada será gratuíta ata completar o aforo permitido e deberase respectar as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19