fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 18 Febreiro 2016 10:16

Desfile Comparsas 2016

Desfile Comparsas 2016

O CONCELLO DE SOUTOMAIOR CELEBRA ESTE DOMINGO DÍA O SEU TRADICIONAL DESFILE DE ENTROIDO EN ARCADE

As 15 comparsas arrincarán ás 17:00 h desde a rúa Xosé Solla ata a Alameda Tallo Río

O Concello de Soutomaior celebra este domingo o seu tradicional desfile de Entroido. A cota de inscrición completouse hai tempo garantindo a presenza das 14 comparsas que podían participar como máximo ademais da realizada polos nenos do concello que asisten ao taller de comparsas municipal.

As comparsas volverán demostrar a súa creatividade e imaxinación nun colorido desfile de Entroido, cargado de orixinais creacións e moito humor. O tradicional desfile de comparsas dará comezo ás 17:00 horas no cruzamento da avenida Xosé Solla co Calvario. Desde alí, a procesión encherá de alegría, música e cor a rúa principal de Arcade no seu camiño ata a Alameda Tallo Río.

A xornada terminará cunha gran festa chea de diversión e xogos onde a actuación do Trio Sevilla fará as delicias dos asistentes ata as 22:00 horas. Ademais das comparsas do municipio, este ano desfilarán outras de Redondela, Pontesampaio, Tomiño, Marín , Vilaboa, Pontevedra, Poio e Pontecaldelas.

Desde o Concello de Soutomaior infórmase que a partir das 15.30, pecharase ao tráfico a Avda. Xosé Solla e a Rúa Rosalía de Castro e que estará prohibido aparcar na citada avenida desde o cruzamento coa rúa Cochón, polo que se agradece a colaboración veciñal para evitar aglomeracións. Da mesma maneira, tamén estará temporalmente prohibido o aparcadoiro nas rúas Rosalía de Castro e Avenida Xosé Solla desde as 15:00 horas ata a finalización dos festexos.


Publicado en Cultura
Visto 3758 veces