fbpx
Imprimir esta páxina
Martes, 21 Setembro 2021 11:25

Teatro "Feminissimas"

Teatro "Feminissimas"

Este sábado 25 de setembro chega a Soutomaior a peza teatral "Feminíssimas" tratándose da terceira produción da compañía galega De Ste Xeito. Na que a compañía proponse a comprometida tarefa de traerlle ás persoas espectadoras un verdadeiro pulso entre a ideoloxía e a amizade.

A compañía describe así a peza:

"FEMINÍSSIMAS, que aúna o eixo emocional e relacional da  amizade, coa loita ideolóxica entre tres lecturas do feminismo encarnadas polas tres personaxes (feminismo radical, feminismo liberal e postfeminismo). Sentimos como creadoras e mulleres que é mester afondar neste tema que tan profundamente  incúmbenos, utilizando a análise que se fai carne día a día en nós, e que por tanto entendemos que ten que subir ao escenario. Xa que conecta unha inquietude persoal, cunha necesidade social do momento actual. A sinerxia entre as persoas participantes, e a consecuente creación colectiva son a base desta necesaria proposta, que nos permite  brindar unha documentada análise tanto histórico, como da actualidade dos  movementos feministas. Á vez que contar a complicada relación entre a ideoloxía e os afectos, entre a idea e o sentimento, o pensamento e a vida. FEMINÍSSIMAS entrañou para nós un amplo proceso de investigación, que lle brinda hoxe en día ao/á espectador/a, na súa vertente máis formativa, a oportunidade de mergullarse nunha viaxe polas diferentes sensibilidades do feminismo; Na súa vertente máis humana: o poliédrico retrato de afectos,vivencias e caracteres que representan estas tres mulleres. E finalmente, a posibilidade de poder analizar coa perspectiva que nos achegan o humor e a ironía, a nosa propia posición respecto disto, así como os enfrontamentos e coincidencias ideolóxicas que cohabitan no feminismo actual".

Esta nova proposta do Concello de Soutomaior inclúese dentro da programación municipal de verán no marco do programa Cultura no Camiño, Xacobeo 2021-22 e pretende visibilizar diferentes sensibilidades e posicionamentos ante o tema do feminismo, educar en igualdade e no respecto a través do teatro, fomentar a participación da mocidade nas actividades de dinamización cultural do municipio e proporcionar espazos culturais e de lecer variados e con temáticas de interese dirixidas a todos os públicos.

Data: sábado 25 de setembro.

Lugar: Multiúsos, Arcade

Hora: 21.30 h

DESTINATARIOS/AS: público xeral, recomendado a partir de 12 anos

Nº: aforo do auditorio supeditado ás restricións COVID-19 do momento. Acceso de balde.

 


Publicado en Cultura
Visto 467 veces