fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 21 Novembro 2022 12:39

‘Soutono’, a gran festa gastronómica de Soutomaior na que haberá chocolate e castañas gratis

‘Soutono’, a gran festa gastronómica de Soutomaior na que haberá chocolate e castañas gratis

O Concello de Soutomaior celebra o próximo día 26, ‘Soutono’, un gran evento que encherá a Alameda de Talo Río e que busca promocionar e potenciar os produtos gastronómicos elaborados en Soutomaior, así como as D.O e os produtos de tempada e proximidade.
Para iso, preparouse unha programación que fará as delicias dos amantes da gastronomía. Durante todo o día iranse alternando as catas, os espectáculos musicais e os showcookings, que deixarán satisfeitos aos visitantes de todas as idades, xa sexan foodies experimentados ou pequenos con moito por descubrir.
Máis aló das iniciativas programadas, os asistentes poderán achegarse aos distintos stands nos que poderán degustar as delicias da nosa terra. Desde os queixos Denominación de Orixe, ata os afamados viños producidos en Soutomaior, ou as delicias que nos proporciona o porco celta. Queremos que todos/as gocen dos mellores produtos galegos de calidade, especialmente os de Indicación Xeográfica Protexida.
O propio alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, asegurou esta mañá durante a presentación do evento que “Soutono é unha gran oportunidade para os nosos comerciantes e produtores locais, pero non hai dúbida de que tamén o é para todos os amantes do bo comer que queiran descubrir os fantásticos produtos deste concello”.
Neste sentido, o evento pretende ser un punto de encontro para familias e amantes da gastronomía. Un lugar no que descubrir novos sabores e deleitarse cos xa coñecidos. Desta forma, o Concello de Soutomaior quere dar un empuxón aos produtos que se elaboran no Concello e que en ocasións non contan con todo o recoñecemento que se merecen.
Soutono arrincará ás 11.30 H da mañá e estará aberto ao público ata as 22.30 horas. Entre medias, os asistentes poderán gozar de catas dos viños de Soutomaior; a actuación musical de ‘Armámola Boa’; unha masterclass de elaboración de pizzas con produtos de tempada; un espectáculo musical da man de ‘Marifaltri’ e ‘Ultrasónicos Band’; e un showcooking de Porco Celta impartido polo cociñeiro Cristian Ramos. Ademais, o Concello ofrecerá unha chocolatada completamente gratuíta a media tarde e ás 20.00 horas arrincará un gran magosto no que as castañas tamén serán gratuítas.
En caso de choiva, colocarase unha carpa para que todo o mundo poida gozar deste gran Soutono independentemente das condicións climáticas.
Esta iniciativa é posible grazas á colaboración da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
 

Cartel Cartel

Publicado en Cultura
Visto 506 veces