fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 21 Febreiro 2019 11:18

Programa ColeRoteiros

Programa ColeRoteiros

O Concello de Soutomaior presentou o programa “ColeRoteiros”, unha iniciativa destinada a fomentar a mobilidade saudable entre os máis novos mediante a creación de itinerarios seguros a través do municipio para que o alumnado poida acudir aos seus centros de estudo en grupo, fomentando a súa independencia e fortalecendo valores de amizade e convivencia.

 A posta en marcha dos itinerarios comezará o 29 de marzo coa primeira das sete rotiquedadas que se realizarán para fomentar o uso dos roteiros por parte dos escolares.

 As quedadas realizaranse en venres alternos ata o final de curso e contarán con monitores/as de educación viaria para acompañar aos pequenos/as á vez que lles explican os sinais de tráfico e bos hábitos de seguridade para ciclistas e peóns.

Para o deseño dos itinerarios están a levarse a cabo varias probas nas que, coa axuda da policía local, buscamos posibles problemas de circulación para os pequenos/as. Revisión dos pasos peonís, os carrís para bicicletas, paradas de autobuses… logo será a concellería de Vías e Obras a que realizará as melloras.

Os itinerarios deseñados como “ColeRoteiros” contarán cunha sinalización vertical e horizontal propia representada pola mascota do programa “ Roti”. Ademais, estableceranse diversas paradas sinalizadas que servirán como punto de encontro dos participantes. Cada parada dispoñerá dun panel indicativo cun código QR a través do cal se poderá consultar en todo momento a información do programa, o calendario de quedadas programadas, os comercios próximos adheridos á iniciativa…

O programa “ ColeRoteiros” tamén inclúe a colaboración dos comerciantes do municipio, que poderán adherirse ao programa para ser identificados cun adhesivo no seu escaparate como “comercio seguro”. Desta maneira, os mozos terían un lugar ao que acudir no caso de necesitar axuda ante calquera problema ou accidente que tivese lugar durante o itinerario. Ademais, para facilitar o acceso instantáneo á información do programa por parte dos pequenos e as súas familias, o Concello de Soutomaior habilitou unha web específica coa que se poderá recibir en tempo real a información de horarios, paradas, recordatorios…


Publicado en Coleroteiros
Visto 1336 veces