fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 02 Marzo 2020 09:42

Escolares contra o cambio climático

Escolares contra o cambio climático

Os escolares do Concello de Soutomaior están decididos a plantar cara ao cambio climático.

Máis de 100 alumnos do IES Soutomaior e o CEIP Padin Truiteiro participaron nunha xornada dedicada a promover o respecto polo medio ambiente e a posta en valor dos recursos forestais.

Visita Pazo de Lourizán

A primeira das actividades , na que participaron os alumnos de 4º da ESO do IES Soutomaior, era a visita ao Pazo de Lourizán para coñecer o xardín botánico, o viveiro e a escola de forestais. O obxectivo da xornada, organizada pola Concellería de Educación en colaboración co Centro Escolar, é que os nenos tomen conciencia da importancia dos recursos forestais para o desenvolvemento da comunidade e do hábitat.

Alí, os máis de 40 participantes aprenderon como funciona e para que serve un xardín botánico, que investigacións se realizan para identificar e controlar as especies invasoras e como se xestiona o viveiro de maneira eficiente. Ademais, visitaron a exclusiva colección de sementes do centro e o Pazo de Lourizán.

Plantación de árbores en Arcade de Riba

A segunda das actividades propostas, na que participaron 68 alumnos do Padin Truiteiro, era a plantación de máis de 90 árbores en Arcade de Riba. Nunha zona afectada polos incendios e á que cada ano acoden os escolares para incorporar novos exemplares, os alumnos plantaron 45 castiñeiros, 20 cerdeiras, 20 bidueiros e 7 madroños.

A xornada foi organizada entre a comunidade de montes de Arcade de Riba, a propietaria dos terreos, e o Concello de Soutomaior, que achegou as árbores, acondicionou o terreo para a plantación e proporcionou un xantar saudable aos pequenos.


Publicado en Ensino
Visto 921 veces