fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 11 Febreiro 2021 18:09

Soutomaior coa Ciencia

Soutomaior coa Ciencia

A partir deste mes de febreiro comezaremos co programa "Soutomaior coa ciencia" que como en edicións anteriores contará cunha programación variada na que haberá ao longo destes meses e ata xuño actividades dirixidas a todos os públicos.
 
A finalidade é a de achegar o mundo da ciencia á cidadanía xeral dun xeito sinxelo, entretido e divertido poñendo en valor o papel de todas as persoas que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas e a mellorar o mundo a través da investigación. Facendo un especial fincapé na visibilizacióndas mulleres neste ámbito porque é ben sabido que a historia ten unha débeda coas mulleres. Moitas foron silenciadas, invisibilizadas ou agochadas sen poder ter o papel protagonista que en moitas ocasións lles foi denegado.
 
O 11 de febreiro conmemórase o día Internacional da muller e a nena na Ciencia de aí que se inicie neste mes porque co programa queremos recoñecer a labor das mulleres nos campos científicos e na investigación. Un programa con perspectiva de xénero que traballa as vocacións científicas desde as idades máis temperás dun xeito transversal e igualitario para chegar a todas as persoas.
 
Este programa educativo engloba unha serie de actividades que se realizan nos centros educativos grazas á súa colaboración que ano tras ano fai posible que acheguemos ao alumnado propostas interesantes nos ámbitos STEM.
Cando as circunstancias o permitan anunciaremos as datas das actividades prevista para o público xeral.
 
A partir do día 18 deste mes, cando a Biblioteca Municipal poida reabrir a súa actividade ao público poderedes achegarvos para visitar o punto de lectura sobre ciencia que conta con moitas referencias que visibilizan o papel das mulleres neste eido con novas adquisións que completan o fondo documental da Biblioteca Municipal Luís Seoane.

Publicado en Ensino
Visto 634 veces