fbpx
Imprimir esta páxina
Martes, 25 Mai 2021 20:31

Brigadas ecolóxicas "Lixus Marítimus"

Brigadas ecolóxicas "Lixus Marítimus"

O alumnado de 2º da ESO do IES Soutomaior participou hoxe neste programa municipal organizado pola Concellería de Educación do Concello de Soutomaior. Trátase dunha campaña de sensibilización sobre o uso excesivo de plásticos nas nosas vidas e a súa posterior xestión, descontrolada, como residuo que afecta de maneira directa á nosa contorna e ao noso planeta. Unha xestión coidadosa da vida no mar é unha característica clave dun futuro sostible polo que o lugar escollido para realizar a acción de limpeza foi unha pequena praia na zona do Puntal. Un lugar recóndito ao que chegan moitos residuos e no que o alumnado sorprendeuse moito de todo o que alí atoparon, incluida unha botella cunha mensaxe dentro. Recolleron nun tempo moi curto 65 kg de lixo entre o que se atopaban todo tipo de plásticos e outros materiais que o mar vai achegando ás praias. As actividades realizadas durante a xornada tiñan como obxectivos:

  • Coñecer e valorar a situación de deterioración que os plásticos provocan na nosa paisaxe.
  • Calcular o uso de plásticos empregados.
  • Procurar alternativas e cambio de hábitos que favorezan ao medio e reduzan a cantidade de residuos.
  • Visualizar e difundir a campaña a través de bolsas de tea deseñadas por eles/as.

Para isto participaron nunha primeira charla introductoria a cargo das educadoras medioambientais, realizaron a acción de limpeza e reciclado do lixo, cumprimentaron unha ficha técnica e logo participaron nun obradoiro de estampaxe de sumidoiros sobre bolsas de tea, E, tamén tiveron tempo para o descanso e para disfrutar dun día xenial  na natureza. Foi unha xornada moi interesante e divertida que se repetirá este mércores con outros dous grupos da ESO.En total participan nesta iniciativa 72 alumnos e alumnas.

Queremos agradecer a colaboración do IES de Soutomaior e do seu profesorado porque fixeron posible esta actividade educativa e de sensibilización. Tamén agradecer a colaboración e acompañamento da Agrupación de Protección Civíl de Soutomaior durante toda a xornada facilitando os desprazamentos e poñendo á nosa disposición todos os seus recursos e bo facer.

Esta campaña inclúese dentro do programa de accións programadas polo Día Internacional do Medio Ambiente e que se levarán a cabo desde esta semana ata mediados do mes de xuño. 

 


Publicado en Ensino
Visto 443 veces