fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 18 Outubro 2019 09:57

Exposición e Mural

Fenómenos do rural – Exposición e Mural

Fenómenos do rural – Exposición e Mural

Con motivo do Día Internacional da Muller do Rural o Concello de Soutomaior organiza unha serie de actos dedicados a poñer en valor a historia das mulleres galegas. Ata o próximo día 30, o multiusos de Arcade acollerá a exposición “Fenómenos do rural”, que finalizará coa proxección do documental do mesmo nome no que o autor recolle a historia que hai detrás de moitos dos murais que hoxe adornan edificios en toda Galicia.

A mostra, segundo indica o propio autor, recolle unha serie de retratos de “mulleres en mandilón con súper poderes” co obxectivo de dar testemuño do valor do traballo destas mulleres e a relevancia que ten na súa contorna. “Na Galicia menos urbana, esas señoras en mandilón foron o soporte oculto das economías domésticas. Unhas heroínas de forza sobrehumana", destaca Murazabal.

A exposición estará dispoñible ata o 30 deste mes, día no que se clausurará a mostra coa proxección do documental que recolle os mellores momentos da historia dalgúns das súas obras máis famosas. A proxección comezará ás 19:30 horas e contará coa participación do propio autor, que compartirá cos asistentes unha charla tras o documental.

Novo mural en Arcade

Ademais da exposición e a proxección do documental, a colaboración do muralista Yoseba Murazabal co Concello de Soutomaior continuará nas próximas semanas co pintado dun novo mural en Arcade. A obra, que terá unha superficie de máis de 100 metros cadrados, realizarase na medianeira dun edificio da entrada de Arcade desde Pontevedra e poñerá en valor a figura da muller nun dos oficios artesanais de maior tradición local, a ostricultura.


Visto 672 veces