fbpx
Imprimir esta páxina
Martes, 17 Novembro 2020 13:42

ULTRAVIOLETA: Dando luz ás violencias invisibles

ULTRAVIOLETA: Dando luz ás violencias invisibles

Dende o Concello de Soutomaior e o CIM, ponse en marcha a Campaña do 25N, dia Internacional contra as violencias Machistas, baixo o lema ULTRAVIOLETA.

A campaña ten coma principal obxectivo, poñer o foco, sobre as violencias menos visibles máis non por iso menos perigosas ou menos presentes na nosa sociedade. A luz Ultravioleta ou luz negra, ten entre outras aplicacións prácticas, na ciencia forense, a posibilidade de resaltar en cores fluorescentes na oscuridade diferentes fluidos, tonos e rastros que pasan desapercibidos na luz do día, facilitando así a súa detección. A campaña, pretende do mesmo xeito resaltar e axudarnos a detectar como sociedade, violencias que temos normalizadas, ou incluso xustificadas, dentro das relacións de parella que son un xeito de abuso e violencia emocional, e teñen unhas consecuencias importantes na saúde das mulleres, tanto a nivel psicolóxico coma físico.

Violencias estructurais que suceden dentro do sistema patriarcal, en forma de obstáculos respecto a situación laboral das mulleres, os dereitos de conciliación e promoción, respecto a mercantilización dos corpos femeninos e da nosa imaxe, etc,... que diariamente persisten nos medios de comunicación e nas nosas estruturas sociais e familiares, ou incluso nas nosas relacións máis intimas, pasando desapercibidos, ou postergando a súa consecución a obxectivos futuros como sociedade, cando moitos xa están recollidos incluso lexislativamente.

ULTRAVIOLETA, 25N, SOUTOMAIOR quere axudarnos a poñer nome a todas esas desigualdades e abusos, dando luz para detectalas e identificalas como formas de violencias machistas que nos afectan de xeito transversal e estrutural a todas as mulleres, con maior e ou menor intensidade, nalgún dos ámbitos das nosas vidas. A campaña ULTRAVIOLETA, ilustrada pola artista viguesa Andrea Jano, desenvolverase coa participación do comercio local, que dará visibilidade nos seus establecementos e escaparates á mesma e vestirán unha mascarilla corporativa coa imaxe da campaña, realizada por costureiras do Concello de Soutomaior.

As comerciantes que queiran participar na campaña, deben anotarse na web, para concretar cita para a recollida do material no Centro Multiusos en Arcade. Publicarase, unha actualización do Mapa de recursos municipais, fronte a violencia de xénero no Concello de Soutomaior.

Así mesmo compartiranse no facebook do cim, ao longo da semana do 25N, diferentes traballos e campañas realizadas ao redor desta temática, que pretenden visibilizar os micromachismos e outras xeitos de violencias machistas.

A Biblioteca Municipal Luis Seoane, facilitará o préstamo da bibliografía respecto a esta temática ao redor da Campaña do 25N. ULTRAVIOLETA.

 

INSCRICIÓNS: ULTRAVIOLETA, 25N Soutomaior


Publicado en 25N (Igualdade)
Visto 1104 veces