fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 24 Marzo 2022 14:15

Soutomaior aposta pola conciliación cun campamento de Semana Santa

Soutomaior aposta pola conciliación cun campamento de Semana Santa

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a concelleira de Igualdade, Cristina González, presentaron onte Espazo Concília: Campamento de Semana Santa. Trátase dunha iniciativa desenvolvida polo Concello a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM) que pretende favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares.

Así, conscientes dos inconvenientes que supón coordinar as responsabilidades laborais coas familiares, o Concello organiza unha serie de actividades dirixidas ao público infantil. Medio centenar de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos participarán en actividades lúdicas que lles permitirán gozar das vacacións en compañía de amigos e monitorados por profesionais. “Temos que evitar que as vacacións escolares supoñan unha nova carga para os pais, e sobre todo para as nais que desafortunadamente seguen sendo as que terminan antepoñendo as súas responsabilidades familiares ás profesionais”, sinalou a concelleira de Igualdade durante a presentación de Espazo Concília. Pola súa banda, o Alcalde de Soutomaior puxo o foco nos nenos que “teñen todo o dereito a gozar das súas vacacións e non verse coartados polas responsabilidades dos adultos”.

O Campamento de Semana Santa terá lugar os días 11, 12, 13 e 18 de abril de 9.00 a 14.00 horas, aínda que os pais e nais poderán deixar aos seus fillos a cargo dos monitores a partir das 8.00 e ir buscalos ata as 15.00 horas. As familias que queiran aproveitar esta iniciativa, completamente gratuíta, poden inscribir aos seus fillos e fillas ata o día 1 de abril a través da páxina web do Concello, ou de forma presencial no Centro de Información á Muller os luns e mércores de 9.00 a 14.00 horas No caso de superar o número de prazas establecido, terán prioridade as familias monomarentais, con diversidade funcional e con rendas inferiores.


Visto 576 veces