fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 04 Abril 2022 13:58

Máis de 30.000 persoas pasaron pola Festa da Ostra. Éxito total!

Máis de 30.000 persoas pasaron pola Festa da Ostra. Éxito total!

 

Tras tres días de festas, Soutomaior volve á normalidade. Esta mañá levaron a cabo os labores de limpeza e desmontáronse as estruturas que, durante toda a fin de semana, sostiveron a carpa da festa.

Así, desde a corporación municipal destacan  o gran éxito da XXXIV Festa da Ostra que superou todas as expectativas. O bo tempo, a boa organización e a programación para todos os públicos conseguiu que, ao longo do tres días, pasasen polo Peirao de Arcade máis de 30.000 persoas. Moitas delas aproveitaron a súa visita para comer ou cear nos restaurantes e cafeterías do Concello.

Pola súa banda, tanto as barras como o posto de comida que se instalaron na carpa alcanzaron unhas vendas máis que satisfactorias. O día forte para os amantes da ostra foi, como vén sendo habitual, o domingo. Desde primeira hora formáronse grandes colas nos postos de ostras e viño. O momento álxido chegou co pregón, que este ano correu a cargo de Paco Corral, un dos hostaleiros con maior traxectoria do Concello e que se acordou durante o seu discurso de todos os seus compañeiros de profesión.

As súas palabras, lembrando tamén aos que nos deixaron nos últimos anos, emocionaron a un público que sentiu como propio o discurso dun veciño de toda a vida. Un cociñeiro que leva xa moitos anos dando de comer aos veciños e veciñas de Soutomaior.

Mención especial merece o Punto Lila. Por primeira vez na historia da Festa da Ostra contouse cun Punto Lila que afortunadamente non tivo que socorrer a ninguén, pero ata o que se achegaron moitas mulleres para pedir información. Tamén a zona de lactación habilitada contou cunha gran aceptación por parte das nais que acudiron á festa.


Publicado en Festa da Ostra
Visto 426 veces