fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 23 Marzo 2018 13:43

Presentación XXXII Festa da Ostra 2018

Presentación XXXII Festa da Ostra 2018

Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado da edil de turismo Dolores Cernadas, a presidenta da Confraría de Pescadores "Virxe do Carme" Rita Miguez e o ostricultor Tito Conde, presentou a XXXII Festa da Ostra que se celebrará en Arcade os días 31 de marzo e 1 de abril.

O prezo das ostras ao natural será de sete euros a ducia, e a empanada de ostras e as ostras en escabeche a ración despacharase a seis euros. O viño ribeiro terá un custo de catro euros a botella, mentres que o albariño de Soutomaior venderase a oito euros.

Os actos iniciaranse o xoves día 29 a partir das 23,00 horas no Multiusos de Arcade coa actuación do humorista Isi e da Agrupación musical Sorcha. A continuación, (de 02,00 a 06,00 h) e xa na madrugada do xoves para o venres emitirase o programa da Radio Galega “Pensando en ti” presentado por Marcial Mouzo, programa onde os oíntes e persoas que asisten en directo ou por teléfono contan as súas experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas.

Os interesados en participar poden facelo en persoa asistindo de maneira gratuíta ao programa ou a través do número de teléfono 981 540 924.

“Pensando en ti” é un dos programas máis escoitados na súa franxa horaria en Galicia. Definido polo protagonismo absoluto que ten a participación dos oíntes, este espazo reúne a unha crecente comunidade radiofónica, chegando mesmo a convocar convivencia e actividades para fomentar o encontro real entre os seus seguidores.

O sábado día 31 de marzo ás 12.00 horas procederase á apertura das casetas de venda de ostras. Os actos estarán amenizados pola charanga "A cabeza non para"

Ás 22.00 horas poñerase en marcha a verbena popular coas orquéstras Televisión e Palladium.

No intermedio da verbena, ás 24.00 horas, haberá unha tirada de fogos artificiais.

O domingo 1 as casetas das ostras abriranse ás 10.00 horas e unha hora máis tarde as bandas de música Artística de Arcade e Banda de Música Cultural de Arcade ofrecerán os seus tradicionais pasacalles.

Ás 13.00 horas terá lugar o pregón da festa a cargo da cantante, presentadora e colaboradora do programa de humor Land Rober: Eva Iglesias

Agustín Reguera confía en que o tempo acompañe, anima a todos os veciños e forasteiros a participar na Festa da Ostra, declarada de Interese Turístico Galego en 2012, e como cada ano acudan a probar este manxar exquisito nas súas distintas variedades.

O Concellode Soutomaior espera congregar a miles de visitantes entre as dúas xornadas en Arcade, polo que preparará preto de cen mil unidades de ostras.

Para acompañar ás ostras a Cofradia de Pescadores Virxe do Carme de Arcade tamén propón na festa a súa iniciativa “Do mar ao prato” onde se poderán degustar produtos da lonxa de Arcade tales como ameixas á mariñeira, espeto de anguía, chocos á feira ou quisquilla crocante.

Ao redor de 50 persoas traballarán directamente na festa gastronómica, tanto na elaboración das racións como na atención ao público.

A Policía Local de Soutomaior tamén terá reforzos para organizar o tráfico durante a xornada do domingo, na que se espera a maior afluencia de persoas ao recinto.

Máis información nas paginas web www.soutomaior.com ou www.festadaostraarcade.com


Publicado en Festa da Ostra
Descargar adjuntos:

18-XXXII-Festa-da-Ostra-programacion.pdf (520 Descargas)
Visto 3336 veces