fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 25 Novembro 2015 12:09

Regulamento municipal sobre venda ambulante

Regulamento municipal sobre venda ambulante

O CONCELLO DE SOUTOMAIOR APROBA O SÉO NOVO REGULAMENTO MUNICIPAL SOBRE VENDA AMBULANTE A nova normativa pretende impulsar a Feira de Arcade e dinamizar o comercio local.

O pleno municipal de Soutomaior aprobou inicialmente a pasada semana a nova Ordenanza Municipal para a regulación da Venda Ambulante. Un regulamento que ten como principal obxectivo potenciar a feira de Arcade, que se trasladará á Alameda Talo Río, así como o comercio local ao aumentar a afluencia de veciños na zona que máis establecementos comerciais agrupa en todo o municipio.

"Pódese dicir que esta é unha ordenanza de consenso", afirmou o alcalde, Agustín Reguera, xa que a aprobación final da normativa ten lugar despois de manter varias reunións co Presidente da Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos, D. Francisco Romeu Alvite, e a súa directiva para asegurar a máxima colaboración entre todas as partes e minimizar os posibles problemas.

“Para nós é moi importante revitalizar a feira como parte dun sector fundamental para a economía do noso municipio”, afirmou Reguera, que expresou o seu desexo de que a nova localización e regulamentación “sirvan para que a feira de Arcade e a economía local crezan e a situación económica mellore para todos”. Ademais, a nova regulación está deseñada conforme á normativa europea establecida pola Directiva de Servizos, que garante o procedemento para a concesión da autorización municipal baixo os principios transparencia, imparcialidade e publicidade.

O sistema de adxudicación farase por sorteo entre todos os solicitantes. Para poder recibir a preceptiva autorización municipal, os comerciantes deberán estar dados de alta no epígrafe correspondente do IAE, na Seguridade Social e ter un seguro de responsabilidade civil en vigor. Cada persoa física ou xurídica só poderá dispoñer dun posto. As datas da feira mantéñense como ata agora, os días 13 e 26 de cada mes. O horario será desde as 07:00 ata as 13.30 horas. Todos os postos deberán estar retirados antes das 15.30. Os novos postos serán de 4, 8, 10 e 12 metros lineais e sempre deberán estar situados de maneira que non entorpezan o paso dos peóns nin o acceso aos edificios lindeiros


Publicado en Novas Tecnoloxías
Descargar adjuntos:

2016 Regulamento venda ambulante.pdf (1857 Descargas)
Visto 2114 veces