Martes, 03 Novembro 2015 10:07

Xoves de Conto - Biblioteca Municipal

Xoves de Conto - Biblioteca Municipal

XOVES 5 DE NOVEMBRO UNHA NOVA SESIÓN DE CONTACONTOS INFANTÍS

A representación é totalmente gratuíta no salón principal da biblioteca.

A Biblioteca Municipal de Soutomaior organiza o xoves, 5 de novembro a partir das 17:00 horas, unha nova sesión de contacontos infantís. Destinada a nenos desde os seis meses ata os tres anos, os actores da compañía Animar-t estrearán a súa función Onde está o vento?.

A actividade está encadrada dentro do programa “Xoves de conto” que se realiza os primeiros xoves de cada mes e que pretende fomentar o hábito de lectura entre os nenos e nenas do municipio.

O conto trata dunha nena que está triste porque os seus muíños de vento non viran. Dáse conta de que non se moven porque non hai vento así que emprende unha viaxe para solucionar o problema. A medida que avanza vaise atopado a varios personaxes e elementos ata descubrir a verdade: as nubes están enfadadas porque as persoas maiores non deixan de contaminalas, por iso deixaron de soprar. Para solucionalo os papás e mamás terán que prometer que non volverán contaminalas para que as nubes volvan soprar e así os muíños de vento por fin volvan virar. A representación ten unha duración aproximada de media hora e a entrada é totalmente gratuíta tanto para os pequenos como para as súas familias.

A representación conta con moitos elementos visuais e sonoros, aínda que se realizará sen amplificación para que o son non sexa demasiado forte para os pequenos.

O programa “Xoves de Conto” da Biblioteca Municipal de Soutomaior está concibido como unha forma de achegar aos máis pequenos á biblioteca coa intención de convertela nun lugar de encontro e de contacto coas primeiras lecturas infantís. Cos contos como atracción principal, o obxectivo é fomentar a narración de historias como paso previo á lectura.


Publicado en Xoves de Conto
Visto 1732 veces