fbpx
Imprimir esta páxina
Martes, 22 Marzo 2016 12:58

A Biblioteca Municipal amplía o seu horario e o seu catálogo

A Biblioteca Municipal amplía o seu horario e o seu catálogo

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE SOUTOMAIOR AMPLÍA O SEU HORARIO E O SEU CATÁLOGO CON NOVOS CONTIDOS

A medida pretende achegar máis flexibilidade de uso para os veciños e usuarios do centro

O Concello de Soutomaior, a través da súa concellería de Cultura, acaba de ampliar o horario da Biblioteca Municipal “Luís Seoane”en Arcade. Desta maneira, o novo horario da biblioteca pasa a ser de luns a venres, de 9 a 14 e de 16 a 20 horas. Completando un total de 9 horas diarias e 45 semanais, que son posibles grazas ás recentes contratacións de persoal levadas a cabo polo Concello de Soutomaior. A medida de ampliar os horarios da Biblioteca Municipal levouse adiante para dar un mellor uso e servizo dun equipamento cultural que o equipo de goberno considera básico, e que ademais concorda con distintas peticións de usuarios do centro que solicitaban maior flexibilidade horaria do centro para axustarse ás necesidades dos veciños, principalmente na época estival. Ademais, para completar o catalogo de préstamo dispoñible na sección educativa, a biblioteca ofrecerá a partir desta semana unha listaxe de 30 xogos electrónicos educativos dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Os xogos abarcan temáticas diferentes como o inglés, as matemáticas, astronomía, ecoloxía, música, ortografía, pre-lectura ou estimulación da aprendizaxe entre outros. Neles o usuario pode anotar os seus progresos ata a finalización dos retos propostos xa que poderán telos en préstamo ata 15 días. Tamén se poñerán a disposición dos usuarios da biblioteca 25 novas películas de animación para público infantil.

Entre elas películas de animación xaponesa como “Nicky aprendiz de bruxa” ou “O vento levántase” ou “O Castelo de Cagliostro” de Hayao Miyazaki. Ou “Stand by me Doraemon” de Ryuichi Yagi. Para adultos, ademais doutras películas actuais, destaca a quinta tempada da famosa serie de televisión “Walking dead”.


Visto 1997 veces