fbpx
Imprimir esta páxina
Martes, 05 Xullo 2016 11:44

Programa educativo “deseñando ou teu futuro”

Programa educativo “deseñando ou teu futuro”

O Concello de soutomaior presenta o seu programa educativo “deseñando ou teu futuro”

30 mozos do municipio entrarán en contacto co mundo laboral nun proxecto piloto que pretende facilitarlles a elección da súa futura profesión

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, presentou esta mañá o novo proxecto educativo organizado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Soutomaior .

O programa está dirixido a mozos do municipio de entre 14 e 18 anos coa intención de proporcionarlles un primeiro contacto co mercado laboral que lles poida axudar á hora de orientar a súa formación.

“Deseñando ou teu futuro” é un proxecto educativo que pretende orientar á mocidade do municipio á hora de escoller unha profesión para o seu futuro.

Mediante visitas e pequenas prácticas en empresas de diversos sectores os mozos poderán coñecer en profundidade o traballo realizado en multitude de empresas, como un estudo de arquitectura, empresas enerxéticas e de metalurgia, viveiros, espazo de coworking ou a propia administración pública.

Ademais, o proxecto tamén inclúe actividades lúdicas, como unha experiencia práctica na Fundación Museo Luís Seoane da Coruña ou a excursión a Arbo para practicar rafting.

Estas actividades tamén están adaptadas ao concepto educativo do proxecto, xa que as empresas que proporcionan estes servizos tamén instruirán aos mozos nas particularidades do lecer por se prefiren esta saída profesional.

Outra das novidades deste proxecto piloto posto en marcha en Soutomaior é o caderno de viaxe que acompañará aos mozos durante todas as actividades.

Coa intención de servir como un sistema de mellora continua, nel recolleranse todas as incidencias, consellos e suxestións que os participantes acheguen para futuras experiencias.


Visto 3255 veces