fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 07 Febreiro 2020 09:56

Seguridade viaria para os escolares

Seguridade viaria para os escolares

A Policía Local de Soutomaior, en colaboración con Policía Local de Sanxenxo, está a levar a cabo unha campaña para concienciar aos máis pequenos do municipio sobre a importancia da seguridade viaria. Máis de 500 alumnos, entre Educación Infantil e Primaria, dos centros educativos do Concello recibirán durante as próximas semanas nas súas clases unha serie de charlas sobre educación viaria impartidas por técnicos especialistas e membros da Policía Local.

Durante estas charlas, os pequenos aprenden como deben comportarse cando circulan como peóns, en bicicleta ou patinete ou son pasaxeiros nun vehículo. Ademais, mediante diversos xogos didácticos, proxeccións de debuxos animados e a participación da mascota “O poli Paco”, os pequenos tomaron boa nota da importancia do cinto de seguridade, os sinais de tráfico e os procedementos para cruzar a estrada de forma segura para eles e para os condutores.

A campaña comezou en decembro na gardería de Arcade, visitou onte o CEIP Padín Truiteiro e durante as próximas semanas chegará ao resto de centros educativos do municipio. O seu principal obxectivo é concienciar aos nenos da importancia da seguridade viaria na súa vida diaria, así como inculcarlles valores de respecto cara aos demais e mostrarlles unha imaxe da Policía Local máis próxima. Ao terminar a charla, premiando a súa atención e bo comportamento, os nenos recibiron un libro de Vos Bolechas sobre a seguridade viaria.


Publicado en Tráfico
Visto 815 veces