fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 15 Marzo 2019 10:08

Soutomaior presenta o seu XIX Certame Exposición da Camelia

Soutomaior presenta o seu XIX Certame  Exposición da Camelia

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a edil de Cultura, Dores Cernadas, presentaron esta mañá a XIX edición do Certame da Camelia, que se celebrará os días 23 e 24 deste mes. O Castelo de Soutomaior, coa súa gran colección de exemplares desta apreciada flor, converterase de novo no escenario perfecto para un festival referencia na comarca. Máis de 40 expositores xa teñen confirmada a súa asistencia ademais das composicións florais que se poderán gozar en diversos escaparates en Arcade e Soutomaior.

O Certame da Camelia é un dos máis esperados para os afeccionados á xardinería e a floricultura de toda Galicia e conta cada ano con máis de mil asistentes xa que constitúe unha magnífica oportunidade para gozar dos impresionantes xardíns de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, os primeiros de España e os sétimos de Europa en recibir esta distinción.

O sábado o horario da exposición será de 16:00 a 20:00 horas mentres que o domingo a mostra estará aberta desde as dez da mañá ata as 18,30 horas que terá lugar a entrega de premios.

O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:00 horas do domingo. Esta edición conta con varias clases de premios. As categorías da mellor Flor, a Mellor Composición Artística e o Mellor Traballo Escolar contarán con trofeos para as tres mellores propostas. Os alumnos dos colexios do Concello de Soutomaior tamén competirán este ano coas súas exposicións coa beleza e orixinalidade cos escaparates de varios comercios locais, adornados con esta fermosa flor típica de Galicia.

Ademais, haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame.

Os triunfadores en cada categoría recibirán un exclusivo exemplar desta apreciada especie floral. No caso dos traballos escolares, os premios incluirán un lote de libros.

A tarde do domingo estará amenizada musicalmente polo grupo “ The Soul Brealers”


Publicado en Certame da Camelia
Visto 1473 veces