fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 15 Febreiro 2017 09:43

XVII Certame da Camelia

Presentación do cartel do XVII Certame da Camelia na Casa do Concello. Presentación do cartel do XVII Certame da Camelia na Casa do Concello.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a edil de Cultura e Turismo, Dolores Cernadas, presentaron esta mañá no Castelo de Soutomaior a XVII edición do Certame da Camelia que se celebra este fin de semana. O Castelo de Soutomaior, coa súa gran colección de exemplares desta olorosa e apreciada flor, converterase un ano máis no escenario perfecto para un festival referencia na. Máis de 40 expositores xa teñen confirmada a súa asistencia ademais das composicións florais que se poderán gozar en diversos escaparates en Arcade e Soutomaior.

Máis de cen metros cadrados de composicións florais coas variedades máis buscadas encherán as salas do Castelo de Soutomaior. Este ano a mostra contará con máis de 20 expositores locais e 25 doutros municipios como Salceda ou Vilagarcía de Arousa, superando así as 45 composicións florais e confirmando o éxito de participación desta edición.

Os alumnos dos colexios Santiago Apostol e a Escola de Romariz de Soutomaior tamén competirán este ano coas súas exposicións coa beleza e orixinalidade cos escaparates de varios comercios locais, adornados con esta fermosa flor típica de Galicia.

O Certame da Camelia é un dos fins de semana máis esperados do ano para os afeccionados á xardinería e a floricultura ao que tradicionalmente asisten máis de mil persoas. A exposición poderase visitar a partir do sábado pola tarde e durante toda a xornada do domingo e constitúe unha magnífica oportunidade para gozar dos xardíns de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior.

A mostra poderase visitar durante todo o fin de semana. O sábado o horario da exposición será de 16:00 a 20:00 horas mentres que o domingo a mostra estará aberta desde as dez da mañá. O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:00 horas do domingo. Esta edición conta con varias clases de premios. As categorías da mellor Flor, a Mellor Composición Artística e o Mellor Traballo Escolar contarán con trofeos para as tres mellores propostas.

Ademais haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame. Os triunfadores en cada categoría recibirán un exclusivo exemplar desta apreciada especie floral. No caso dos traballos escolares, os premios incluirán un lote de libros para nenos

Desde o Concello de Soutomaior destácase a colaboración prestada pola Deputación de Pontevedra para a celebración do certame mediante a cesión do recinto do Castill. Do mesmo xeito, agradecer o magnífico traballo realizado polos traballadores do parque do Castelo en colaboración con empregados municipais na montaxe dos expositores.


Publicado en Certame da Camelia
Visto 2183 veces