fbpx
Imprimir esta páxina
Martes, 15 Xuño 2021 10:24

Soutomaior, punto de activación do Carné Xove

Soutomaior, punto de activación do Carné Xove

A OMIX do Concello de Soutomaior continúa sendo un punto de referencia para a mocidade que queira activar ou obter o Carné Xove. O Alcalde de Soutomaior, Agustin Reguera, acompañado da Directora Xeral de Xuventude, Cristina Pichel, xunto á Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández- Tapias e á Concelleira de Xuventude de Soutomaior, Noelia Ocampo, presentaron esta iniciativa en Soutomaior esta semana.

O carné xove é unha tarxeta persoal para a mocidade galega expedida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social. Con este documento, as persoas usuarias poden acceder a unha chea de descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecementos en Galicia, no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo (European Youth Card). 

Dende o 2021, o carné xove é gratuíto e ten vixencia indefinida entre as idades de 12 a 30 anos, ambos os dous inclusive, polo que xa non é preciso renovalo.

Neste sentido, a Xunta de Galicia está enviando o carné xove ao domicilio de todas as persoas potencialmente usuarias, máis de 400.000 mozos e mozas. Polo tanto, xa non é necesario nin solicitalo nin pagalo para telo.

No caso das persoas que xa tiñan o carné, coa imaxe antiga, ou que lles caducou hai pouco, recíbeno no seu domicilio con todos os datos cubertos e xa plenamente operativo.

No caso das persoas que nunca tiveron o carné ou que o teñen caducado dende hai tempo, reciben no seu domicilio o carné cos tres primeiros campos cubertos (nome e apelidos, data de nacemento e data de caducidade). Para que o carné estea operativo, é necesario que o activen acudindo a un dos puntos de activación que se detallan no documento incluído na carta de envío. A activación consiste en insertar na tarxeta o número de carné (número Eyca). Neste proceso é preciso acreditarse co DNI.

Aínda que o prazo de activación é dun mes, se algún usuario/a é citado máis alá do prazo dun mes, a súa activación considerarase igualmente válida aínda que se exceda do prazo inicial, xa que se debe a circunstancias extraordinarias.

Para activar ou obter o carné a mocidade poderá acudir á OMIX situada en Arcade, no Centro Multiúsos, pedindo cita previa a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou ben no número de whatsAPP 638822868. O horario de verán de atención ao público será de luns a xoves de 9 a 14 h. 

https://youtu.be/yZokCmcAjyM


Publicado en Mocidade
Visto 615 veces

Medios